BFClimatech

Viratec y la Xunta de Galicia presentan la BF ClimaTech, la primera aceleradora ambiental de Galicia

Publicado o 10 Setembro 2024

O Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular (Viratec) e a Xunta de Galicia presentaron hoxe, na Cidade da Cultura, a Business Factory (BF) ClimaTech, a primeira aceleradora de empresas do ámbito ambiental e a economía circular de Galicia.


A BF ClimaTech é un programa que serve para minimizar o período de desenvolvemento e maximizar as probabilidades de éxito de proxectos de emprendemento innovador que ofrezan novas propostas no sector ambiental e sectores conexos.
O prazo para inscribirse na primeira edición pechará o vindeiro 30 de setembro de 2024. Na páxina web bfclimatech.gal están publicadas as bases e as indicacións para a presentación de candidaturas.


Poderá postularse a participar nesta convocatoria calquera equipo emprendedor cun proxecto innovador en liña cos retos e comprometido con Galicia. Os proxectos finalmente seleccionados optarán a realizar algún dos tres itinerarios de apoio contemplados: incubación, para os proxectos máis incipientes; aceleración, para aqueles que xa teñen unha solución viable; e consolidación, para os que se atopan en situación de ampliar negocio e mercado.


A apertura do acto foi da man da presidenta de Viratec, Josefa de León, quen destacou que o sector ambiental “está chamado a ser o axente clave da industria, da sostibilidade e do desenvolvemento de Galicia. Coa BF ClimaTech, desde o clúster, pretendemos promover unha economía sostible e respectuosa co medio ambiente, apoiando o emprendemento co fin de acelerar e afianzar iniciativas ambientais e de circularidade que teñan capacidade de escalar e xerar impacto”.

Pola súa parte, a xerente de Viratec, Ana Botas, explicou como se formularon os sete retos que configuran esta primeira edición do programa: “Para garantir que a BF ClimaTech responde ás necesidades do mercado e que, así, os proxectos atopen demanda para os seus produtos e servizos, reunímonos con entidades do sector para que nos achegasen de primeira man os retos aos que se afrontan. Polo que podemos dicir que os retos ambientais desta aceleradora corresponden con necesidades de mercado específicos”.


A BF ClimaTech achega aos proxectos participantes “plans adaptados ás súas necesidades específicas, recursos económicos e técnicos, mentorización por parte de empresas de referencia no sector ambiental e sectores produtivos relacionados, distintas actividades formativas e de incorporación de novas competencias, e contacto con clientes potenciais, entidades de investimento e feiras sectoriais”, indicou Botas.


A continuación, leváronse a cabo dúas mesas redondas nas que se analizaron os retos ambientais do sector desde a visión das empresas promotoras, Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e Xesgalicia, co apoio da Axencia Galega de Innovación (GAIN), e tamén desde a perspectiva das empresas tractoras desta primeira edición da BF ClimaTech, como son Sogama e o Grupo Gestán.


A conselleira de Industria e Economía, María Jesús Lorenzana, foi a encargada de pechar este acto. Na súa intervención indicou “está clara a transversalidade desta aceleradora, con 7 retos de estrita actualidade. Os proxectos que saian desta aceleradora suporán solucións para as empresas, o planeta e a sociedade”.