Publicado o 21 Febreiro 2025
O Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular (Viratec) e a Xunta de Galicia presentaron hoxe, na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, a segunda edición da Business Factory (BF) ClimaTech, a primeira aceleradora de empresas do ámbito ambiental e a economía circular de Galicia.
A finalidade da BF ClimaTech é ofrecer solucións e tecnoloxías que teñan un impacto positivo no clima e no medio ambiente mediante o apoio a proxectos de emprendemento innovador que estén aliñados cos retos da aceleradora.
A apertura do acto foi da man de Josefa de León, presidenta de Viratec, quen destacou que o sector ambiental “é o axente clave para todos os sectores económicos galegos. Desde o Clúster, como entidade xestora da Business Factory ClimaTech, esforzámonos en promover solucións innovadoras, apoiando o emprendemento co fin de acelerar e afianzar iniciativas ambientais, para que escalen e xeren impacto positivo”.
Pola súa banda, a xerente de Viratec, Ana Botas, fixo un balance da primeira edición, que segue en funcionamento, e explicou as novidades da segunda: “ A maiores dos sete retos, os cales se actualizaron, incluíronse desafíos. Os primeiros foron deseñados para abordar as necesidades do mercado e céntranse no sector primario, industria, auga, téxtil, construción, cidades e comunidades, e dixitalización; mentres que os desafíos son problemáticas concretas das empresas tractoras”. Ademais, Botas destacou que “nesta edición seleccionaremos 16 proxectos en vez de cinco”.
A continuación realizáronse dúas mesas redondas. Na primeira, representantes dalgunhas das empresas tractoras explicaron en qué consistía o seu desafío e que esperaban dos proxectos participantes. Mentres, que no segundo encontro participaron representantes de Agrolinera e Wastex, proxectos da primeira edición, para contar a súa experiencia.
A directora xeral do Igape, Covadonga Toca, foi a encargada de pechar este acto. Destacou a importancia das iniciativas como a BF ClimaTech, que forma parte da rede de aceleradoras da Xunta, “un modelo que demostrou ser un éxito en sectores estratéxicos como a automoción, a aeronáutica, ou a alimentación. BF ClimaTech súmase a esta traxectoria de éxito cunha misión clara: consolidar a Galicia como un referente en economía circular e solucións ambientais, xerando oportunidades para o emprendemento innovador e o investimento”.
EMPRESAS TRACTORAS
Agroamb, Coregal, Emalcsa, Finsa, Gestán Conteco, Sogama, Valtalia, Vertex Bioenergy e Viaqua uníronse a esta iniciativa como empresas tractoras. Achegarán coñecemento, dedicación e recursos, tanto á dinamización da aceleradora como á mentorización dos proxectos participantes.
CÓMO PARTICIPAR NA II EDICIÓN
O prazo para inscribirse na segunda edición finalizará o vindeiro 28 de febreiro de 2025. Na páxina web bfclimatech.gal están publicadas as bases e as indicacións para a presentación de candidaturas.
Poderán postularse a participar nesta segunda edición calquera equipo emprendedor – nacional e internacional- cun proxecto innovador en liña cos retos e comprometido con Galicia. Os proxectos finalmente seleccionados optarán a realizar algún dos tres itinerarios de apoio contemplados: incubación, para os proxectos máis incipientes; aceleración, para aqueles que xa teñen unha solución viable; e consolidación, para os que se atopan en situación de ampliar negocio e mercado.
A BF ClimaTech achega aos proxectos participantes plans adaptados ás súas necesidades específicas, recursos económicos e técnicos, mentorización por parte de empresas de referencia no sector ambiental e sectores produtivos relacionados, distintas actividades formativas e de incorporación de novas competencias, e contacto con clientes potenciais, entidades de investimento e feiras sectoriais, entre outros.
PROXECTOS DA I EDICIÓN
Os proxectos seleccionados da primeira edición foron: BioAqua, en itinerario de Incubación; en Aceleración: Agrolinera e Carbon Manager; e en Consolidación, Arraigo e Wastex.