BFClimatech

Que é BF ClimaTech?

BF ClimaTech é un programa que serve para minimizar o período de desenvolvemento e maximizar as probabilidades de éxito de proxectos de emprendemento innovador que ofrezan novas propostas no sector ambiental e sectores relacionados.

Para garantir que responde ás necesidades do mercado e que, así, os proxectos atopen demanda para os seus produtos e servizos, BF ClimaTech reúne ao sector para definir uns retos cos que dirixir cada unha das convocatorias. Estes retos son a expresión de necesidades concretas de segmentos de mercado específicos.

O programa está impulsado pola Xunta de Galicia e por Viratec, o Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular, e conta coa participación das empresas do sector, así como de centros de coñecemento e entidades de inversión.

Itinerarios da BF ClimaTech

BF ClimaTech estrutura os seus servizos de apoio aos proxectos participantes en tres itinerarios diferenciados: incubación, aceleración e consolidación.

Estes itinerarios están deseñados para que os proxectos acaden as metas que correspondan en función do seu grao de desenvolvemento: desde a definición da proposta de valor, en incubación; pasando pola xeración dun produto ou servizo mínimo viable e a súa validación con clientes, en aceleración; ata a sistematización e expansión do seu modelo de negocio, en consolidación.

Incubación

Este itinerario diríxese a proxectos que teñan a necesidade de definir a súa proposta de valor, sexa un produto ou servizo. En liñas xerais, estrutúrase nos seguintes pasos:

  • Validación da necesidade identificada.
  • Análise de viabilidade, factibilidad e deseabilidade.
  • Deseño da proposta de valor.
  • Encaixe da proposta de valor co público obxectivo.
  • Deseño do modelo de negocio.

Aceleración

O itinerario de aceleración destínase a proxectos con necesidade de xerar un produto ou servizo mínimo viable e de confirmar a súa proposta de valor cunha primeira venda ou caso de éxito. Estrutúrase nas seguintes fases xerais:

  • Desenvolvemento dun produto ou servizo mínimo viable (PMV ou SMV).
  • Experimentación mediante o PMV ou SMV con clientes potenciais.
  • Aprendizaxe e refinamento iterativo do produto ou servizo.
  • Planificación de negocio.
    Atracción de investimento público e privado.
  • Consecución de primeiros pedidos.

Consolidación

Este itinerario resérvase a proxectos que necesiten sistematizar o seu modelo de negocio e acrecentar a súa capacidade de xeración de valor en termos de negocio e económico-financeiros. En xeral, estrutúrase como segue:

  • Planificación de crecemento.
  • Atracción de inversión pública e privada.
  • Consecución da recorrencia de negocio.

Recursos de BFClimaTech

Saída comercial

BF ClimaTech especializase en lograr que os proxectos participantes se integren e consoliden a súa posición no sector ambiental, así como en sectores conexos, tanto en Galicia como nos ámbitos nacionais e europeos.

Mentorización

Cada un dos proxectos participantes conta cun mentor específico pertencente a unha das empresas tractoras de BF ClimaTech.

Formación

Ponse ao dispor dos proxectos participantes un programa de formación que se deseña caso por caso, segundo as necesidades concretas de cada un no relativo á adquisición de novas capacidades críticas.

Internacionalización

Os proxectos participantes dispoñen de oportunidades de introdución en mercados exteriores e reciben axuda para definir a súa vía de internacionalización.

Servizos e infraestruturas

Os proxectos participantes teñen acceso ao catálogo de infraestruturas e servizos do sector das solucións ambientais e a economía circular en Galicia.

Titorización e coaching

Atendendo ás súas necesidades concretas, cada un dos proxectos participantes recibe a guía dun titor experimentado en emprendemento e de coaches especializados en aspectos clave.

Financiación

Todos os proxectos participantes poden empregar instrumentos de financiamento específicos e recibirán apoio para o acceso a fontes de financiamento adicionais públicas e privadas.

Networking

Os proxectos da BF ClimaTech teñen á súa disposición unha extensa rede de contactos que se dinamizará mediante eventos específicos cos que enriquecer as súas respectivas axendas e facilitar o seu crecemento.

Retos

Os retos foron deseñados para abordar prioridades estratéxicas no ámbito das solucións ambientais e a economía circular, así como noutros sectores produtivos relacionados. Existe, con todo, unha demanda que se resume na necesidade de solucións para os seguintes campos:

  • Mitigación e adaptación ao cambio climático.
  • Protección dos recursos hídricos e mariños.
  • Promoción e implantación da economía circular e a prevención e control da contaminación.
  • Protección, restauración e rexeneración da biodiversidade e os ecosistemas.
  • Creación de novos modelos de negocio circulares.

Como impulsar a competitividade mellorando o desempeño ambiental e creando novas cadeas de valor?

Forman parte do reto temáticas como as seguintes:

  • Valorización e transformación de residuos en recursos enerxéticos, hídricos e novos materiais.
  • Agricultura, gandaría e silvicultura rexenerativa. Solucións para a redución da pegada ambiental (carbono, hídrica e ecolóxica).

Como garantir a dispoñibilidade de materias primas críticas e conseguir modelos produtivos circulares e eficientes?

Forman parte do reto temáticas como as seguintes:

  • Facilitación da simbiose industrial.
  • Valorización e transformación de residuos en recursos enerxéticos, hídricos e novos materiais.
  • Tecnoloxías e minaría urbana para a recuperación de materias primas (raw materiais).
  • Solucións para reducir o uso de materiais críticos en alta tecnoloxía.
  • Novos materiais avanzados.
  • Ecodeseño.
  • Descarbonización e combustibles renovables.

Como mellorar o desempeño ambiental do ciclo integral da auga?

Forman parte do reto temáticas como as seguintes:

  • Ferramentas para a dixitalización do ciclo da auga.
  • Solucións eficientes e sostibles para:
    • Abastecemento e saneamento no rural disperso.
    • Contaminación difusa.
    • Caudais ecolóxicos.
    • Redes de colectores.
  • Biofactorías: novas tecnoloxías de tratamento e depuración e valorización de residuos en recursos enerxéticos e novos materiais.

Como mellorar o desempeño ambiental do sector téxtil apostando pola circularidade?

Forman parte do reto temáticas como as seguintes:

  • Desenvolvementos para promover unha segunda vida das pezas a nivel C2B, C2C
  • Desenvolvementos tecnolóxicos para a valorización de residuos téxtiles ou a utilización de residuos para a fabricación de novas materias primas e packaging (plásticos, papel e cartón…).
  • Desenvolvemento de novos materiais máis duradeiros ou con menor impacto ambiental ao final da súa vida útil.
  • Solucións para a redución da pegada ambiental (carbono, hídrica e ecolóxica).

Como minimizar as emisións e o consumo de recursos dos materiais de construción e procesos construtivos?

Forman parte do reto temáticas como as seguintes:

  • Materiais construtivos circulares e renovables.
  • Edificios e infraestruturas de consumo de enerxía cero.
  • Reciclado e valorización de residuos do sector (RCDS) e doutros sectores (escorias, cinzas, plásticos etc.)

Como crear espazos urbanos e comunidades máis saudables e circulares?

Forman parte do reto temáticas como as seguintes:

  • Comunidades enerxéticas.
  • Renaturalización das cidades.
  • Sistemas de mobilidade sostible.
  • Refuxios climáticos.
  • Reutilización de residuos municipais.
  • Ordenación sostible.

Como utilizar Tecnoloxías Facilitadoras Esenciais para avanzar cara unha economía eficiente e de baixas emisións?

Forman parte do reto temáticas como as seguintes:

  • Ferramentas de trazabilidade e monitorización e análise de datos ambientais.
  • Dixitalización de solucións ambientais.
  • Redución da pegada de carbono na utilización das TIC.
  • Novas tecnoloxías disruptivas aplicadas.
  • Algoritmos verdes.

Calendario