Publicado o 21 Xaneiro 2026
A Business Factory (BF) ClimaTech, a aceleradora ambiental de Galicia impulsada pola Xunta de Galicia e o Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular (Viratec), celebrou este martes en Santiago de Compostela o Investor’s Day e o acto de clausura da súa segunda edición, unha xornada deseñada para conectar emprendemento innovador, investimento e axentes clave do ecosistema ambiental.
O encontro reuniu a startups participantes na segunda edición do programa con entidades investidoras de referencia no ecosistema galego, nun espazo pensado para favorecer o diálogo, a presentación de oportunidades e a xeración de novas alianzas estratéxicas. A xornada comezou coa presentación das entidades investidoras participantes, que compartiron o seu enfoque e interese polo desenvolvemento de solucións con impacto ambiental positivo. Nesta sesión interviñeron representantes de Xesgalicia, Zubi Capital, Torsa Capital, Vigo Activo, CaixaBank DayOne, Unirisco e Gradiant, poñendo en valor o papel do investimento como panca para acelerar a chegada ao mercado de solucións innovadoras.
Así mesmo, as startups presentaron a evolución dos seus proxectos, dando a coñecer os avances acadados ao longo do programa. As iniciativas participantes foron SIZIT, STUAR.IO, La Tribu Verde, Traza Circular, Levox, RUDI, Bagazymes, Bima, Sekond, Greenspire 360, Labre Gando, Material Innovation Hub, Beflamboyant, Wattson Smart Charging e WIM Studio, que amosaron solucións aplicadas a ámbitos como a dixitalización da sostibilidade, a valorización de residuos e subprodutos, o desenvolvemento de novos materiais circulares, a optimización no uso de recursos, a redución de emisións, a trazabilidade e a medición do impacto ambiental. As presentacións evidenciaron o potencial da innovación para dar resposta a retos ambientais complexos de forma escalable e orientada ao mercado, á vez que puxeron en valor a diversidade e transversalidade do emprendemento ambiental.
A presidenta de Viratec, Josefa de León, destacou que “para Viratec é motivo de orgullo ver como a BF ClimaTech continúa crecendo e consolidándose como unha aceleradora de referencia, contribuíndo a fortalecer un ecosistema galego cada vez máis consciente de que as solucións ambientais e a economía circular son o motor da competitividade” e recordou que “esta aceleradora naceu co obxectivo de crear un espazo no que as ideas se transformen en proxectos sólidos, con impacto positivo e capacidade real de chegar ao mercado”. Pola súa banda, a subdirectora de Innovación Empresarial do Igape, Patricia López Quintiá, declarou que “desde o Igape é moi gratificante impulsar esta aceleradora, que está conseguindo cifras tan relevantes con apenas uns anos de percorrido”. Tamén explicou que a Xunta de Galicia está traballando na primeira Estratexia de Innovación Empresarial de Galicia, que contará cun investimento de 400 millóns de euros.
O Investor’s Day puxo así o broche final a unha edición que culmina coa entrega de diplomas de licenciamento aos proxectos participantes, tras nove meses de acompañamento, formación especializada, mentorización e conexión co tecido empresarial, científico e financeiro. A BF ClimaTech reafirma deste xeito o seu papel como plataforma clave para impulsar a innovación ambiental e favorecer a creación de proxectos viables, escalables e con impacto positivo en Galicia.




















