Publicado o 18 Xullo 2025
A primeira aceleradora de empresas do ámbito ambiental e a economía circular de Galicia, Business Factory (BF) ClimaTech, impulsada pola Xunta de Galicia e polo Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular (Viratec), celebrou esta mañá, no Biopolo Sionlla, en Santiago de Compostela, o acto de clausura da súa primeira edición baixo o título ‘Ideas que transforman Galicia’.
Agrolinera, Arraigo, airCO2, Bioaqua e Wastex son as cinco startups participantes desta primeira convocatoria. Ao longo dos últimos nove meses estiveron acompañados e mentorizados por empresas tractoras, referentes nos seus ámbitos, que lles achegaron coñecemento, dedicación e recursos. Ademais, tiveron a oportunidade de asistir a formacións especializadas, feiras sectoriais nacionais e internacionais, e ter encontros con entidades inversoras.
A apertura do acto foi da man de Josefa de León, presidenta de Viratec, quen destacou a importancia das iniciativas como a BF ClimaTech para mellorar a transferencia de coñecemento e facer máis competitivo o sector ambiental. “Desde Viratec queremos consolidar a Galicia como referente en economía circular e solucións ambientais, por iso esforzámonos en promover proxectos innovadores, apoiando o emprendemento co fin de acelerar e afianzar iniciativas ambientais que xeren impacto positivo, como as que se van a presentar hoxe”.
Pola súa banda, a directora xeral do Igape, Covadonga Toca, puxo en valor o modelo colaborativo da aceleradora, que combina talento emprendedor, apoio científico e implicación do tecido empresarial e financeiro: “A participación activa de empresas tractoras e investidores permite validar solucións en contornas reais e acurtar o camiño entre a idea e o mercado”.
A continuación, tivo lugar unha mesa redonda onde representantes das cinco startups compartiron as súas experiencias. Verónica Menéndez, de Agrolinera; Marcos González, de Arraigo; Pío Iglesias, de airco2; Camila Rey, de Bioaqua, e Álvaro Gómez, de Wastex, coincidiron que participar nesta aceleradora ademais de darlle visibilidade, permitiulles escalar e afianzar os seus proxectos no mercado ambiental.
Cinco ideas transformadoras
Agroamb, Finsa, Gestán Conteco, Sogama, Vertex Bioenergy e Viaqua foron as empresas tractoras desta primeira edición, e que repiten o seu papel na segunda edición, vixente actualmente, á cal se uniron tamén Coregal, Emalcsa, Feuga e Valtalia. O ecosistema da BF ClimaTech tamén conta co respaldo das entidades científicas: Aimen, Anfaco-Cecopesca, CTAG, Cetaqua, CETIM, ClimateKIC, ITG, CRETUS-USC e as universidades da Coruña e de Vigo; e coas entidades inversoras Noso Capital, Innpact, Ship2BVentures e Open Value Foundation.

