BFClimatech

As empresas participantes na BF ClimaTech visitan a planta de Sogama para coñecer o seu modelo de xestión de residuos

Publicado o 15 Outubro 2025

Representantes das empresas participantes na aceleradora BF ClimaTech realizaron este martes 14 de outubro unha visita ás instalacións de Sogama, situadas no Complexo Medioambiental de Cerceda.

A xornada comezou coa benvida por parte da directora de Comunicación de Sogama, Teri Campos, quen ofreceu unha detallada presentación sobre o funcionamento da planta de Cerceda. Durante a súa exposición, Campos abordou os proxectos máis destacados que a entidade ten en marcha, facendo especial fincapé na futura planta de selección de residuo téxtil, unha iniciativa clave para avanzar na economía circular.

Así mesmo, subliñou a vital importancia da separación de residuos en orixe por parte dos fogares galegos como factor determinante para a eficacia de todo o sistema. Ademais de detallar o funcionamento do Complexo, a directora explicou o papel estratéxico das ecoplantas distribuídas por toda Galicia, deseñadas para optimizar a xestión e loxística dos residuos.

Un dos puntos centrais da presentación foi a xestión do quinto contedor, esencial para obter un compost de calidade a partir da materia orgánica que debe ser correctamente separada pola cidadanía.

Os representantes das startups participantes en BF ClimaTech mostraron gran interese en varios aspectos clave da xestión de Sogama, como son os proxectos de dixitalización aplicados á xestión de residuos, as campañas de divulgación que realiza a entidade para concienciar á poboación e o grao de participación cidadá nos programas de separación de residuos.

A sesión tamén serviu para debater sobre o rol dos concellos na recollida selectiva, así como os retos e necesidades que deben afrontar as administracións locais para mellorar estes índices.

Tras a presentación, os participantes da aceleradora tiveron a oportunidade de realizar un percorrido virtual polas instalacións do complexo mediante lentes de realidade virtual. Esta experiencia complementouse cunha visita presencial á planta de selección de residuos, guiada por monitores especializados de Sogama.

Esta visita enmárcase dentro da estratexia de BF ClimaTech de conectar ás startups coas grandes empresas e infraestruturas do sector, facilitando un coñecemento práctico do ecosistema e os desafíos reais aos que poden aplicar as súas solucións tecnolóxicas.