Publicado o 10 Novembro 2025
Business Factory (BF) ClimaTech, a aceleradora ambiental de Galicia impulsada pola Xunta de Galicia e o Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular (Viratec), abriu a convocatoria para a súa terceira edición. Emprendedores, startups e proxectos innovadores con foco na sostibilidade ambiental e o impacto positivo no clima teñen unha oportunidade para impulsar o seu crecemento grazas a este programa de incubación, aceleración e consolidación de proxectos do sector ambiental de Galicia.
Tras o éxito das dúas edicións anteriores, esta nova convocatoria busca atraer proxectos de alto potencial que ofrezan solucións aos principais retos ambientais e de economía circular. Pode postularse calquera equipo emprendedor -nacional e internacional- cun proxecto innovador aliñado cos retos do programa.
O programa de BF ClimaTech está estruturado en tres itinerarios, adaptados ao nivel de madurez de cada proxecto: incubación para ideas e proxectos incipientes; aceleración, dirixido a startups cunha solución xa probada que buscan escalar; e consolidación, enfocado en empresas xa establecidas que desexen lanzar unha nova liña de negocio ou expandir o seu mercado.
Durante o programa, BF ClimaTech achegará ás iniciativas seleccionadas plans adaptados ás súas necesidades, recursos técnicos e económicos, formación, e contacto con clientes potenciais, entidades de investimento e outros axentes do ecosistema.
O programa conta coa colaboración activa de empresas tractoras, que achegan mentorización, coñecemento e recursos: AENOR, Agroamb, BIOeCO2, Coregal, Emalcsa, FEUGA, Gestán Conteco, Sogama, Valtalia, Vertex Bioenergy e Viaqua.
Ademais, as entidades científicas aseguran a viabilidade e o rigor técnico das propostas: Aimen, Anfaco-Cytma, CTAG, Cetaqua, CETIM, ClimateKIC, ITG, CRETUS-USC, a Universidade da Coruña e a Universidade de Vigo.
O programa impulsou un total de 20 proxectos nas súas dúas primeiras edicións, demostrando o potencial innovador do sector ambiental.
Os proxectos seleccionados na primeira edición foron: BioAqua, no itinerario de Incubación; Agrolinera e Carbon Manager no itinerario de Aceleración; e Arraigo e Wastex no itinerario de Consolidación.
A segunda edición seleccionou 15 proxectos que se distribuíron da seguinte forma: en Incubación, elixíronse Fitting Labs, STUAR.IO, La Tribu Verde e Traza Circular; no itinerario de Aceleración, participaron Levox, Rudi, Material Innovation Hub, Bagazymes, Bima, Sekond, Green Spire 360 e Labre Gando; e no itinerario de Consolidación, seleccionáronse Hub de Recarga Intelixente – Wattson Smart Charging, Beflamboyant e Wim Studio.
O prazo de inscrición para participar na III edición da Business Factory ClimaTech ábrese hoxe 10 de novembro e estará dispoñible ata o vindeiro 30 de decembro.
Os equipos interesados poden consultar as bases da convocatoria e presentar as súas candidaturas a través da páxina web bfclimatech.gal.