BFClimatech

A BF ClimaTech pecha a convocatoria da súa terceira edición con preto de 70 candidaturas

Publicado o 09 Xaneiro 2026

A Business Factory (BF) ClimaTech, a aceleradora ambiental de Galicia impulsada pola Xunta de Galicia e o Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular (Viratec), pechou o prazo de presentación de candidaturas para a súa terceira edición cun total de 68 solicitudes recibidas, unha cifra que supón un novo máximo para o programa e confirma a súa consolidación como aceleradora de referencia para proxectos con impacto ambiental positivo.

Este volume de candidaturas supera amplamente os datos de edicións anteriores, nas que se recibiron máis de 30 solicitudes na primeira edición e máis de 40 na segunda, consolidando o crecente interese do ecosistema emprendedor por formar parte da aceleradora BF ClimaTech.

Distribución por itinerarios

Das 68 solicitudes recibidas, 18 corresponden ao itinerario de incubación, 41 ao de aceleración e 9 ao de consolidación.

Esta distribución pon de manifesto a diversidade dos proxectos presentados en canto ao seu nivel de desenvolvemento, con iniciativas en fases moi temperás convivindo con outras que xa contan con solucións validadas e capacidade de escalar, o que reforza o carácter integral da BF ClimaTech como aceleradora para todo o ciclo de vida dos proxectos.

Nesta terceira edición seleccionaranse un total de 16 startups, que pasarán a formar parte dun programa deseñado para acompañar o seu crecemento, facilitar a súa validación no mercado e reforzar a súa conexión co ecosistema empresarial, tecnolóxico e investidor do sector ambiental.

Temáticas máis presentes nas candidaturas

As candidaturas recibidas nesta terceira edición reflicten unha forte orientación cara á valorización de residuos e subprodutos, con solucións aplicadas a sectores como o agroalimentario, o forestal, o industrial, o téxtil e o medio mariño, transformando excedentes, descartes ou fluxos residuais en novos materiais, ingredientes, enerxía ou produtos de maior valor engadido.

Xunto a iso, destaca o elevado número de proxectos centrados na optimización do uso de recursos clave, especialmente auga e enerxía, mediante solucións orientadas á eficiencia, á redución de consumos e emisións, e á mellora dos procesos produtivos en contornas urbanas, industriais e rurais.

Outro dos eixes máis relevantes é a dixitalización aplicada á sostibilidade, cunha ampla presenza de plataformas baseadas en intelixencia artificial, IoT, análise avanzada de datos e tecnoloxías de simulación, destinadas á monitorización ambiental, a trazabilidade, a predición de impactos e a toma de decisións en tempo real. Estas solucións aplícanse tanto á xestión de infraestruturas e servizos como á medición da pegada ambiental, á prevención de riscos e á mellora do rendemento de activos e procesos.

Un ecosistema de colaboración con empresas tractoras e entidades científicas

A terceira edición da BF ClimaTech contará coa colaboración activa de empresas tractoras, que achegarán mentorización, coñecemento sectorial e recursos aos proxectos participantes: AENOR, Agroamb, BIOeCO2, Bioetanol Galicia (Vertex Bioenergy), Coregal, Emalcsa, FEUGA, Gestán Conteco, Sogama, Valtalia e Viaqua.

Ademais, o programa conta co respaldo de entidades científicas e tecnolóxicas que garanten a viabilidade e o rigor técnico das propostas: Anfaco-Cytma, Cetaqua, CETIM, ClimateKIC, CTAG, ITG, CRETUS-USC, a Universidade da Coruña e a Universidade de Vigo.

Próximos pasos

Co peche da convocatoria, iníciase agora o proceso de avaliación das candidaturas por parte dos comités da aceleradora, que realizarán unha preselección dos proxectos que formarán parte desta terceira edición.

A continuación, o 11 de febreiro celebrarase o Pitch Day, evento no que os proxectos preseleccionados realizarán unha presentación tipo elevator pitch ante as entidades promotoras da BF ClimaTech. Posteriormente, os 16 proxectos seleccionados incorporaranse ao programa, que terá unha duración de nove meses.